Coordinates 77

Uploaded October 10, 2018

Recorded October 2018

-
-
458 f
23 f
0
0.7
1.3
2.66 mi

Viewed 4 times, downloaded 0 times

near Verdeal, Galicia (España)

Esta ruta, que remata por tocar a parroquia de Vilaza a través do barrio de Vilarés, cruza algúns dos lugares historicamente máis emblemáticos do Val de Miñor durante o Antigo Réxime e percorre parte dalgún camiño quizais prerromano. Ademais, dende o punto de vista monumental, engloba varias pezas de indubidable valor arquitectónico que para poder apreciar en profundidade será necesario conseguir acceder ao interior.
Durante o percorrido atoparemos tres espazos, entre restaurantes e bares, onde poder resolver posibles necesidades de bebida ou comida, todos situados na parte baixa ou inicial e final do percorrido.
A primeira noticia desta igrexa procede de mediados do século XII, se ben, posiblemente, os restos máis antigos do templo sexan unha parte do muro sur da nave principal que en todo caso son moi posteriores, seguramente da Idade Moderna. É probable que inicialmente a igrexa tivese planta lineal, rematada nunha capela maior ou ábsida. Foi a consecuencia das profundas obras de reforma e mellora efectuadas en 1722 que probablemente se introduce o cruceiro, coa incorporación das naves laterais, e, algo despois, constrúese a actual capela maior ao tempo que se dota a obra do unitario estilo barroco que actualmente a caracteriza, converténdose no principal exemplo relixioso deste movemento arquitectónico no municipio. Algo máis tarde introdúcese no cuadrante sueste outro cubículo para localización da sancristía. Exteriormente a ábsida presenta maior altura que o resto das naves e gran traballo de cantería, sobre todo nos capiteis compostos das pilastras de esquina e nunha curiosa ventá do vento norte. Similar pericia presentan os traballos da fachada occidental rematada en torre-campanario pechada por cupulín. Conta a tradición que, de tan satisfeito tras ver o seu traballo, o mestre canteiro desta, de orixe portuguesa para máis sinais, quixo deixar constancia de si e autorretratouse coroando o citado cupulín mentres sostén unha cruz que serviu de base a un cataventos. Interiormente, os teitos están resoltos a base de bóvedas, de distinta tipoloxía formal, materializadas en ladrillo cerámico e madeira, en ambos os dous casos rematadas con revocadura e pintura. Baixo o arco triunfal conserva dous púlpitos, un a cada lado, coroados por respectivos tornavoces decorados. Ademais, o templo acubilla excelente imaxinaría do XVII ou XVIII como, por exemplo, un Cristo Resucitado e un san Vicente. Actualmente a igrexa, seguindo unha inculta moda, foi desposuída dos encalados exteriores e interiores tan propios do barroco galego e, ademais, substituíuselle a tradicional porta de madeira por unha reixa metálica.
O adro, valado por unha celosía pétrea, está parcialmente pavimentado coas tapas graníticas das tumbas do antigo cemiterio e conserva distintas estacións do viacrucis. No ante-adro sitúase o campo da festa ou torreiro. Este, elevado sobre o camiño que o separa do Pazo de Mendoza mediante muro de cachotaría de granito, conserva un palco de música, o cruceiro da Fe e parte do antigo arboredo que sombreaba o recinto. O palco, sufragado polo indiano local Leopoldo Pérez Alonso, foi construído en fábrica de granito e fundición de ferro en 1922. O cruceiro, que posúe todas as partes integrantes dos máis completos, posiblemente sexa o de maior altura física do municipio. Estilisticamente presenta dúas partes diferenciadas: a cruz e o resto; o que leva a pensar que foi executado por mans distintas. A media altura do varal, tallada na mesma peza granítica, presenta unha figura de muller cos ollos vendados e senllos obxectos en ambas as dúas mans: un cáliz na dereita e un libro na esquerda. Esta imaxe, ben traballada e proporcionada, interprétase como unha representación da fe. Aínda que debido á alta erosión que presenta a lenda existente no pedestal non é doado transcribila sen a axuda dunha tecnoloxía que non posuímos, ao amparo das características estilísticas entendemos que non debe ser anterior a 1700.
Foi fundado na segunda metade do século XVIII por Policarpo de Mendoza, deán da catedral de Santiago dende 1751, onde está enterrado, e cabaleiro da Orde de Carlos III. A súa nai, María del Espíritu Santo Rodrigo segundo datos erróneos da partida de bautismo, en realidade María Rodríguez Mendoza, era da casa de Moreira, en Mañufe, quizais situada neste mesmo terreo. O nome actual, "Pazo da Escola", é consecuencia do uso ao que estivo sometida unha das súas partes a principios do XX, que mantido no tempo agora designa o conxunto dedicado a hospedaxe e hostalaría. É un edificio en forma de U, cunha á pouco desenvolvida, de traza barroca, que posúe ampla solaina porticada sobre soportal pétreo e gran lareira con forno e cambota rematada nunha das chemineas máis monumentais do Val de Miñor. Na fachada leste conserva un brasón coas armas do fundador. Co obxecto de adecualo aos usos citados, foi sometido a obras de rehabilitación a finais do XX baixo supervisión do Servizo Provincial de Patrimonio. Teñen interese as edificacións adxectivas e o xardín tradicional de froiteiras.
Antigo camiño encaixado entre muros e portais de acceso ás distintas propiedades que o delimitan. Iníciase no recinto de festas da parroquial, contiguo ao terreo do Pazo Mendoza, e conducindo en dirección ao Verdeal e ao Lameiro remata no que comunica A Ponte co barrio da Cruz, camiño este de orixe prerromana segundo defende a profesora Elisa Ferreira; xusto a carón da casa onde na segunda metade do XIX nace o indiano benfeitor da parroquia Leopoldo Pérez Alonso.
Foi levantada en 1140, segundo inscrición existente nun dos perpiaños dun chantón, e posiblemente parcialmente reconstruída con posterioridade. A primeira, segundo recolle a publicación "As pontes históricas de Galicia" asinada por tres enxeñeiros de camiños, puido ocupar o lugar doutra anterior de orixe romana. Esta tese tamén a defende a profesora Ferreira. É a máis antiga das conservadas no Val de Miñor. A obra ten unha lonxitude total de 42 m. e un ancho de plataforma de 3,20 m., salvando o río Miñor mediante tres bóvedas de medio punto e, segundo parece, dous ocos alintelados hoxe tapados. Como é habitual en toda ponte medieval, presenta perfil en lombo de asno, neste caso algo modificado por algunha intervención posiblemente da Idade Moderna, e na fábrica aparecen numerosas marcas de canteiro. Augas arriba, presenta tallamares en mal estado e algún antigo peitoril incrustado na fábrica. Sobre esta ponte, desvirtuada por unhas obras proxectadas pola Deputación Provincial na década dos sesenta do século pasado, que agora está previsto restaurar, pasa o Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago despois de separarse do central en Barcelos, ao que volve en Redondela.
Non se sabe con seguridade en que tempo xurdiu neste lugar o primeiro cruceiro. Pola contra, si sabemos da antigüidade, importancia e xerarquía dos camiños que forman a encrucillada na que se empraza -desvirtuada dende o último terzo do século XIX con motivo da apertura da estrada A Ramallosa/Gondomar/Guillarei-. Son dos máis importantes e antigos do Val de Miñor. O monumento consta de cruceiro completo e peto de ánimas. Este sábese que non pode ser anterior ao século XVII cando, tras o Concilio de Trento, aparecen os primeiros. O cruceiro podería ter unha orixe anterior apuntando algúns indicios conservados no Arquivo Histórico de Baiona ao século XVI. Da obra actual só parte das bancadas e o peto son orixinais; o resto foi reconstruído en varias ocasións por rotura dos anteriores, a última por canteiros da Escola de Poio, en 1995. En todas as reconstrucións se mantivo a representación do pecado orixinal mediante a presenza da serpe adherida ao varal. Este é un lugar simbólico para o Val, pois dende o século XVI ata o XVIII ao pé do cruceiro tomaba acordos e celebrou as súas sesións a ceo aberto o Partido de Val de Miñor, iniciadas cada primeiro de Xaneiro á saída de misa da parroquial de Mañufe coa elección do Procurador Xeral do Val.
Apenas se conservan unhas ruínas da casa e capela que fora do mosteiro de Donas e sobre a que posteriormente se constituíra o morgado de Baludío. O brasón de armas que existía no frontal da capela de Santa Catarina coas insignias do fundador do morgado en 1623, o capitán Álvaro Pérez de Ceta, consérvase actualmente na fachada da casa que ocupa o cruzamento das rúas Elduayen, Urzaiz e Eduardo Iglesias na vila de Gondomar por decisión do seu fundador, Espinosa Baladrón, descendente directo da de Baludío.
Primeiro unha vista parcial sobre o barrio da Ponte en primeiro termo e o Monte do Cereixo e a Groba ao fondo, logo outra, tamén parcial, do barrio de Fontán dende Penalba. Nesta, ao fondo, parte das parroquias de Peitieiros e Morgadáns coroadas pola Serra do Galiñeiro.
Despois de atravesar parcialmente o monte de Eiró chegamos a esta pousa. A maioría de autores defenderon que este pazo foi fundado pola familia “de la Fuente” en 1725, se ben investigacións recentes de Carmen Pérez apuntan a que o capitán Tomás de Arines Troncoso e Soutomaior, falecido en 1678, e a súa esposa Antonia de la Higuera Arce e Manrique, señores do pazo de Pampillón, tamén o foron deste, sendo posteriormente cando aparece na casa o apelido “de la Fuente”. Sobre a escaleira do patín consérvase un escudo practicamente igual ao de Pampillón coas armas dos Troncoso, Castro, Acuña e Arines. O pazo presenta planta en forma de U e dúas alturas. A vivenda emprazábase no andar, os usos complementarios na baixa, que nos anos oitenta do XX foi reconvertida tamén a vivenda. Interiormente conserva dúas escaleiras orixinais embutidas nos grosos muros de pedra: unha comunica coa planta baixa e a outra coa desaparecida torre que ata principios do XX ocupou o ángulo suroeste. Exteriormente, como é habitual, as fachadas mais interesantes e principais son a norte, ou de acceso, e a sur. Na primeira, percorrendo a parte interior do U, presenta unha escaleira pétrea de acceso á planta nobre que desembarca nun corredor apoiado sobre un gran arco, ao centro, e ménsulas na á dereita. O corredor está protexido mediante balaustrada de traza barroca da que parten nove columnas sobre as que apoia o tellado que o cobre. A fachada sur ábrese sobre unha ampla paisaxe, hoxe acoutada polo crecemento incontrolado de árbores, e estrutúrase do seguinte xeito: a planta baixa é un magnífico soportal formado por cinco arcos de medio punto que comunica mediante tres portas con distintas estancias interiores; o primeiro andar é unha solaina protexida por balaustrada similar á do corredor norte da que emerxen dez piares octogonais, a igual intervalo, sobre os que descansan arcos alintelados que recollen a cuberta. Esta queda oculta tras un pequeno peto ameado que coroa unha cornixa con troneiras de desaugadoiro sobre cada un dos piares. Os laterais da solaina resólvense mediante pano cego de granito con ventá nas fachadas enfrontadas.
Aínda se conservan as ruínas desta casa do XVI coñecida polo nome que lle pasou ao seu propietario de finais do XIX: José Alonso de Vilarés. É unha edificación de pequenas dimensións pero de moi notables relacións de proporción. Presenta baixo dedicado a adega con lagar e primeiro andar para vivenda á que se accede por unha escaleira-patín de varanda cega e columnas con decoración renacentista.
Esta peza de planta circular é un dos poucos exemplares pétreos que quedan no municipio; hai outro no Monteiro, Borreiros. A exposta situación é consecuencia da segregación que sofren os terreos do pazo no primeiro cuarto do século XX ao ser cruzados pola actual estrada que uniu Feira de Secas, en Gondomar, coa Areíña.
Esta casa de alta potencia agrícola, chegou a roldar os 100.000 m2 de terreo, foi fundada polos Bermúdez a mediados do XVIII. Posúe dúas plantas de xeometría rectangular: a baixa a adega, na que existiron dous lagares, e o andar a vivenda. Foi reformada nas décadas finais do XX para sacala do estado de ruína que presentaba, pero fíxose con pouco acerto transformando totalmente o seu carácter. Perdeu o que quedaba da antiga cornixa se ben conserva, aínda algo deteriorado, o dobre brasón de armas da fachada oeste. Parte do terreo, uns 14.000 m2, foi segregado e valado mediante muro de granito no XIX para construír outra casa, unha “granxa”, inda existente con fronte ao camiño público que dende o cruceiro de Mañufe sobe ao Monte de Eiró, pasando ante o portal da citada pousa, para dirixirse ao lugar dos Concellos e outros destinos.
O topónimo refírese a un tramo do camiño público que dende o cruceiro do Lugar do Acordo chegaba ao Monte de Eiró, a poñente do predio do Pazo de Vilarés. O motivo era e segue a selo os permanentes revertidos dunha fonte con pío para lavar roupa situada nas antigas terras da Pousa de Mera, máis tarde escindidas para que un descendente puidese construír casa propia, que mantén acceso directo dende o camiño a través de porta con reixa existente no muro de granito.
Casona con planta en forma de L, consecuencia de adicións á inicialmente rectangular, posiblemente fundada en 1558 segundo inscrición dunha pedra armeira dun dos muros, aínda que tamén puidera dicir 1778. A casa, lindante ao camiño que do Cruceiro vai ao Monte de Eiró, foi cabeza dun forte complexo agrícola segundo demostra a disposición e abundancia de edificacións adxectivas e os dous lagares pétreos que posuíu na planta baixa. No reformado corredor de acceso da planta principal consérvase a citada pedra.
Tramo dun camiño de, cando menos, orixe medieval que se mantivo empedrado ata que a administración decidiu asfaltalo para facilitar o tránsito rodado á veciñanza. A dicir da catedrática Elisa Ferreira, podería ter orixe prerromana. Procedente dos barrios de Pousada e Moreira, ambos os dous en Mañufe, comunica co Cruceiro a través da ponte románica atrás citada. Nas inmediacións da ponte asegura algún historiador existiu a finais do medievo o pequeno "Hospital de Miñor" para dar servizo aos camiñantes en dirección a Santiago.
Esta traída de augas nacía nunha pequena presa aínda existente no río Miñor, augas arriba dos muíños do Bravo, e regaba terras dende o nacemento ata o morgado de Baludío, aproximadamente por onde agora está o instituto das Escolas pro-Val. Esta canle principal tiña unha desviación que baixaba cara ao barrio da Ponte, en Mañufe, á altura do cruceiro do Lugar do Acordo. Alcanzado o río acompañábao pola súa marxe dereita ata acadar as mesmas terras que a canle principal. As augas desta segunda canle ademais cruzaban o Miñor mediante este pequeno acueduto para regar algunhas terras da marxe sur, polos Conguidos. O devandito acueduto compoñíase de dúas pilas graníticas aínda conservadas que, avanzando sobre o río mediante sucesivas prolongacións da cachotaría, remataban superiormente en canle pétrea a cal, na parte central do río, en épocas de regadío, se unía mediante unha peza desmontable executada con grosas táboas de madeira.
É esta unha cruz de "mala morte", así chamada por obedecer ao recordo dun accidente ou morte desgraciada. Non debe confundirse cun cruceiro aínda que os veciños se refiran a ela dese xeito pois non se trata dunha cruz completa e autónoma sobre varal, variante máis simple de cruceiro. Neste caso, segundo inscrición do pedestal, testemuña o seguinte: AqI MVRIO ANTONIO JOSE CARBALLIDO PORTVGVES AÑO Ð 1832 O que non aclara é se o home esmagado polo carro de bois que conducía en dirección a San Pedro de Filgueiras, actual San Pedro da Ramallosa, era portugués ou este era o seu segundo apelido.

Comments

    You can or this trail