Coordinates 61

Uploaded October 22, 2018

Recorded October 2018

  • Rating

     
  • Information

     
  • Easy to follow

     
  • Scenery

     
-
-
237 f
25 f
0
0.7
1.4
2.72 mi

Viewed 22 times, downloaded 3 times

near Gondomar, Galicia (España)

Esta ruta pretende poñer de relevo e visitar aqueles acontecementos arquitectónicos e urbanísticos que por distintas razóns poden entenderse como máis destacados da vila durante o Antigo Réxime, isto é, entre finais do século XV e principios do XIX, tempo no que os Sarmiento Soutomaior exerceron xurisdición sobre esta terra. Todos os puntos tratados, dalgún xeito, están imbricados no espazo urbano actual se ben no período citado o asentamento poboacional era por barrios. Para acceder ao Pazo do Conde de Gondomar, de igual xeito que a outros edificios citados nas distintas rutas, será necesario contacto previo.
Non existe problema ningún de abastecemento nesta ruta.
A súa localización correspóndese co encontro de catro camiños, algún deles quizais procedente da Idade Media, que atravesaban o río Miñor e o seu principal afluente a través de tres pontes de granito das cales se conservan dúas. Ao recinto pode asignárselle como orixe as primeiras décadas do XVII, cando o condado, ademais de porta e muralla, tiña seis casas nas inmediacións dese lugar. No último cuarto do XIX cruza por ese punto a actual estrada a Guillarei transformando a súa morfoloxía. Antes, en 1840, inaugurárase a primeira consistorial constitucional tras uns anos de provisionalidade. Tamén no XIX se traslada para aquí a feira que se viña celebrando na Estrada, a cal tempo despois, en 1883, pasará ao recinto de Secas, hoxe convertido en parque público; non obstante nela seguirá celebrándose o mercado de froita e peixe ata que en 1939 se constrúe a primeira praza de abastos cuberta. Actualmente coñécese como Praza de Urzáiz e tanto a xeometría como as dimensións que presenta son consecuencia da adaptación do seu perímetro ao Plan de Ensanche de 1900, para o cal se expropiaron e derrubaron varias edificacións en 1906. Tamén ao longo do tempo foron substituídas todas as do perímetro agás unha do vento norte, transformada nas décadas finais do XX.
Tamén se coñece como A Ponte Baixa da Paradela e Ponte Entrerríos; ante ela verte o caudal ao Miñor o seu principal afluente. Esta foi a entrada á Paradela para quen, a través do camiño da Fonte da Vella, procedía de Baiona e outros lugares por Pousada. A referida "Vella" fai alusión á antiga deidade precristiá das alturas e as profundidades, da terra e o mar; a do arco da vella ou arco iris, outra deidade por certo. Non se conserva a fonte. A ponte, da que non temos referencias respecto de se se corresponde coa inicial, inda reformada, nin en que tempo foi fundada, redúcese a unha sucesión de catro tramos alintelados resoltos mediante 28 lousas sobre estribos, das cales 12 son reposicións, todo en granito. Presenta un ancho de paso de 2,96 m., unha lonxitude de 8,40 m. e a súa existencia está constatada a mediados do XVIII. É moi similar á de Guisande, en Vincios.
O tramo de camiño que dende Pousada comunica con Campo das Bestas, en Mañufe, forma parte do denominado como da Nosa Señora do Norte en dirección a Santiago, que se separa do central en Barcelos e tras atravesar Viana do Castelo, Camiña, Vila Nova de Cerveira, Tomiño, Gondomar e Vigo volve unirse a el en Redondela. Neste traballo inclúese un monográfico deste camiño, que Hipólito de Sa data con tal uso cando menos dende finais do século XIII.
Este acceso ao pazo forma parte das obras de fortificación levadas a cabo por Sarmiento de Acuña na primeira década de 1600. O seu proxectista e construtor debeu ser o mestre canteiro do Val de Miñor Juan Coello. Consta de dous cubos pétreos rematados en casquete esférico con pináculo, o da dereita parcialmente derruído, que acoutan un tramo de muro no cal se abre un portalón alintelado coroado por un escudo de armas coas insignias dos Sarmiento e os Acuña. Este escudo debe ser posterior, posiblemente de tempos do II Conde, Diego Sarmiento de Sotomaior e Acuña quen ás veces aparece como Diego Sarmiento de Acuña e Soutomaior, neto de D. Diego, xa que está timbrado con coroa de marqués e isto foino en condición de consorte; ou quizais do terceiro xa marqués de Mancera e de Montalbo. O segundo conde, que pasou longos períodos no Val de Miñor como consecuencia da guerra de Restauración portuguesa, morre en 1690.
O trazado peraltado e as marcas de canteiro que aínda conserva poderían indicar unha orixe baixo medieval, algo que non obstante parece querer desmentir a presenza e estereotomía da fábrica pétrea, aínda que isto tamén pode ser consecuencia dalgunha reconstrución. A día de hoxe non existen datos definitivos. Está constatada a súa existencia no XVII, cabendo a posibilidade, pode que remota, de que fose construída na primeira década do século cando Diego Sarmiento de Acuña constrúe a Porta do Sol e os tramos de vía necesarios para conectala cos camiños existentes. Tamén se coñece como a Ponte das Ánimas debido ao monumento de exaltación do purgatorio instalado sobre ela posiblemente a finais do XVIII ou principios do XIX, antes da apertura da PO-340 cando loxicamente empeza a perder uso. É de moito interese etnográfico o paso de pedra elevado sobre a zona inundable da beira norte do río para o paso de persoas.
Tramo dende a intersección do que, con paso elevado, vén da Ponte das Ánimas ata a súa chegada á praza da Paradela, segmento pertencente ao antigo camiño que enlazaba este lugar coa Estrada Real.
Onde actualmente se sitúa un paso peonil en aceiro e madeira existiu antes outro de pedra derrubado en 1937 por unha enchente do río. Del consérvase un debuxo executado polo historiador Espinosa Rodríguez no ano 1897. Constaba dun arco apuntado no centro, que daba paso a toda a canle, e dous aliviadoiros alintelados, un a cada lado, con alzado xeral en forma de lombo de asno, transmitindo unha imaxe que lembra ás pezas do medievo. O citado autor cualificouno de románico sen citar fonte nin referencia ningunha. A profesora Elisa Ferreira fai pasar por esta zona do río un camiño medieval de entrada á Paradela de Gondomar.
Así é como consta este tramo do río en diferentes documentos do XVIII, XIX e XX ata que con motivo da construción do encoro de Zamáns para abastecemento de augas a Vigo a documentación administrativa empeza a referilo co nome da referida parroquia a partir de mediados do XX. En realidade o río xa aparece citado como Miñor (flumen Minoris) nun documento de 1106 polo que o conde de Galicia D. Raimundo e a infanta D.ª Urraca ceden o couto de Vilaza, denominación escurecida actualmente para o tramo que dende o Regueiro de Amial, no Galiñeiro, baixa ata a Coelleira na Paradela de Gondomar. En todo caso, podemos dicir que Vilaza ou Zamáns son denominacións que en distintas épocas, por diferentes razóns, acadaron máis forza e presenza que os outros moitos nomes que o mesmo río, o Miñor, vai collendo dos lugares polos que pasa. Sucede a miúdo con cursos de auga modestos.
A Levada do Bravo transportaba auga para o regadío das terras inmediatas á presa propia e ás da marxe dereita do río Miñor ata o antigo morgado de Baludío, en Mañufe, por onde hoxe se conservan as reconvertidas escolas Hispano-Americanas Pro-Val Miñor. É posible que o antigo morgado estivese detrás da súa fundación se ben sobre isto non temos datos. O acueduto, do século XVII, está formado por un arco central de medio punto, dous laterais tipo carpanel e dous aliviadoiros en lintel. Nas pilas centrais aparecen senllos tallamares augas arriba. A canle pétrea ten unha sección de 0,80x0,45 m. e unha lonxitude de 42,00 m. O monumento foi agredido física e contextualmente co trazado dunha vía de circunvalación para tráfico rodado executada pola Administración autonómica.
A pouca distancia dos muíños, uns 120 m. augas arriba do acueduto, emprázase esta pequena ponte peonil. Cada un dos dous tramos alintelados está formado por outras tantas lousas apoiadas en estribos con esporón. Nunha das lousas, partida no ano 2016, tiña gravado en baixo relevo: AVE MARÍA. Existe constancia da súa existencia na primeira metade do XVIII, aínda que moi probablemente sexa anterior.
Non se coñece con exactitude a data de fundación dos muíños deste barrio se ben se sabe que xa existían a mediados do XVIII sendo nese momento, a dicir do Catastro de Ensenada, os máis importantes da vila. Os muíños, con varios pés de trituración, dispuxeron dende o inicio de vivenda para o muiñeiro que máis recentemente foi torpemente ampliada para dar acubillo a familias de diversa consideración. Trátase dunha peza arquitectónica que inicialmente constaba de inferno, tremiñado e primeiro andar, construída totalmente en granito. Alimentouse sempre da auga da Levada do Bravo que xusto antes del ten unha desviación para abastecer o gran cubo enterrado e trapezoidal, de pavimento inclinado, encargado de impulsar os tres rodicios que sempre tivo. Foi un muíño de maquía e, de xeito distinto ao habitual, os compoñentes dos mecanismos de abastecemento de gran e recollida da fariña mostran un intento, relativamente recente, de incorporar a industria a procesos artesanais: a moega e resto de compoñentes de fornecemento e control de gran están construídos en ferro soldado; a caixa da moa en morteiro de cemento coloreado. O muíño aínda conserva un guindastre para retirada e repicado das moas; dos poucos do municipio. Augas arriba do peirao destes muíños, non lonxe, na leira Os Chasquiños, quedan os restos do muíño do Galeón.
Camiño que comunicaba o barrio da Igrexa de Gondomar con Regodagua, en Chaín, a través do Picoto e A Mourisca. Xa se cita parcialmente como límite entre parroquias no século XII nun documento de delimitación do couto de Vilaza, que o conde de Galicia D. Raimundo e a infanta D.ª Urraca ceden a Paio Gómez e a súa esposa en 1106.
No monte O Picoto mantéñense os topónimos "fundas" e "covas", que substitúen o medieval "grovam" citado nun documento do século XII. Os tres son indicio de transformacións artificiais na topografía do lugar. Estes pronunciados cortes na terra e depresións, aos pés da Mourisca, son vestixios conservados dunha mina romana a ceo aberto en busca de ouro, catalogada en 1997, que segundo o investigador Gustavo Pascual Hermida puido estar en activo ata o Baixo Medievo. O mesmo autor sitúa un castro mineiro na zona, o cal, sendo contemporáneo á explotación, sería o asentamento poboacional máis antigo próximo á vila. Un dos topónimos completos conservados na zona é o que dá título a este apartado.
Vista da vila dende o punto de arranque, ao pé do Picoto, do camiño que pasando polo Pedrouco se dirixía a Santa María de Chaín e San Roque, en Morgadáns, antes de que se empezase a construír no primeiro terzo do século XX a actual estrada a Chenlo. Este mesmo camiño, a pouca distancia do punto indicado no plano para as vistas, tiña unha derivación á Áspera e pouco despois outra ao Abelar, cuxa finca do morgado, cortada pola estrada, chegaba ata el.
Cruceiro. Segundo inscrición do pedestal este monumento, coñecido tamén como cruceiro de San Bieito, foi fundado en 1646. É unha peza completa con cruz figurada en anverso, un Cristo crucificado, e reverso, unha Piedade. Sitúase no que foi antigo campo de festas referido pola veciñanza como "O Adro". Fonte. Emprazada a moi pouca distancia do cruceiro, forma grupo cun lavadoiro público que en tempos tivo un uso intenso. A fonte, moito máis antiga, sométese a obras de embelecemento e mellora en 1943, converténdose nunha das chamadas "de cabaliño". O corpo principal remata nun frontón truncado, no que aparece tallado en relevo a mitra e o báculo de San Bieito, coroado todo por unha cruz latina. A auga do cano recóllese nunha cuncha pétrea que a desvía ao lavadoiro situado no extradorso. Na base outro tanque de pedra fai as funcións de bebedoiro para animais. Foi unha das dúas "milagreiras" que posuíu a vila. En realidade xa o era antes da citada reforma, cando non pasaba dunha fonte con biqueira pétrea asomando na boca da mina embutida no muro aínda hoxe conservado á súa esquerda. Igrexa. A actual construíuse integramente no XIX e sufriu reformas e ampliación en altura na transición ao XX. Máis tarde incorporóuselle unha capela na cara norte. Presenta un ecléctico estilo historicista, con torre campanario na rúa central da fachada occidental rematado en agulla octogonal. Hai algunhas décadas, para o seu demérito, perdeu os encalados exteriores e interiores. Emprázase sobre unha plataforma amparada por muros de contención de terras realizados en granito, algúns dos cales probablemente sexan coetáneos ao templo e outros de cando o arquitecto Jenaro de la Fuente se encarga de ensanchar, segundo proxecto redactado en 1889, as escalinatas e o modesto camiño de acceso que aberto pouco máis de 25 anos antes chegaba a elas. Aínda non se atopou documentación ao respecto que o certifique pero o máis lóxico é pensar que a anterior igrexa ocupase o mesmo lugar, máis ou menos, se ben con menores dimensións. Inda sendo moi estraño, daquela unicamente se conserva na actual unha imaxe barroca de San Gregorio, do século XVII, que é a peza de imaxinaría máis relevante do templo. Outra versión, transmitida por tradición oral, asigna a orixe desta imaxe a un pequeno templo ou capela, totalmente desaparecido, situada nas Senras, en Bade. De ser certa esta tese aínda complicaría máis a explicación de falta de antecedentes recentes daquel templo ao que o primeiro conde de Gondomar, no seu testamento, cede un vaso de prata dourada que lle regalara o rei de Francia para que se utilice de custodia; ou ao que a súa nai, tamén no seu, vinte e nove anos antes, en 1596, asigna certa cantidade de aceite anual para as lámpadas do Santísimo Sacramento. Agás a localización dalgunhas pedras reutilizadas nos actuais muros, que queremos entender dunha igrexa precedente, nada sabemos dela nin do antigo cemiterio que habería de acompañala. As únicas noticias dun templo anterior achégaas un documento medieval conservado en Tui e citado neste traballo varias veces a través do cal o conde de Galicia D. Raimundo e a entón infanta Dona Urraca ceden as súas propiedades en Vilaza no ano 1106. Nel fálase da igrexa da Paradela de Gondomar que, polo tanto, e no grao de sinxeleza que fose, sería canto menos románica, e sitúaa nun lugar que aproximadamente coincide co actual. Non obstante a advocación recollida aínda non era San Bieito senón San Salvador, isto é, Cristo, advocación propia do santoral hispano antigo anterior á crise do século VIII. En consecuencia, a advocación actual é posterior a 1106 e niso quizais puido ter intervención o mosteiro beneditino de Donas, fundado a mediados do século XII e activo ata finais do XV.
Emprázase ao bordo do antigo camiño de igual nome, único acceso directo á parroquial dende a parte baixa da Paradela antes de que se abrise a escalonada "Avenida da Igrexa" (actuais rúas Manuel Losada e Carlos Fernández) na segunda metade do XIX seguindo un, por aquela, recente carreiro de servidume. O nome do lugar, Cruz de Mera ou Cordomera, podería vir da cruz pétrea que existiu entre a fonte teitada con bóveda de pedra e a encrucillada que con este camiño formaba o de Ameixeira. Nesta zona existe outra mina de igual nome que abasteceu as fontes da vila dende o XIX e posiblemente deu servizo ao lugar aínda antes. Sabemos que a finais do XVIII D.ª María Magdalena de Mera era propietaria da pousa de igual nome en Fontán, Mañufe, fundada posiblemente en 1558, pero non se esa casa tivo relación algunha con este lugar. Tamén sabemos que no primeiro terzo do XVIII a casa de Cernadas, no límite entre Chaín e Gondomar, enlaza cos Mera de Redondela
Foi proxectada polo aparellador municipal José Cervera Segalá en 1962. Esta substituíu a que en 1950 se trasladara ao lugar dende a próxima rúa Manuel Losada, situada na beirarrúa dereita do tramo que dende Eduardo Iglesias sobe a Párroco Mariño. É probable que esta fonte fose instalada no XIX aproveitando o caudal da mina de Cruz de Mera. Descoñecemos se antes desa existía aproveitamento próximo das citadas augas.
É sabido que o capitán D. Tomás de Arines era propietario do pazo de Pampillón a mediados do XVII. Esta casa, construída pola familia Arines e relacionada directamente co citado pazo, é a única do barrio da Paradela que parcialmente se conserva entre as de fundación anterior ao século XIX (existen outras dúas posibles inda non confirmadas). Todas as demais, por distintas razóns, foron substituídas ou derrubadas. A fachada que actualmente se contempla dende a rúa Párroco Mariño (antes Camiño Vello) é unha obra posterior que oculta ao exterior o patín de varandas macizas e o volume conservado da antiga edificación. As terras da casa que dende o antigo camiño a Cruz de Mera se estendían en dirección á igrexa foron parceladas, vendidas e edificadas. Por diante desta, pola marxe máis occidental do Camiño Vello cando aínda o pavimento era de terra e a súa traza menos recta e máis estreita, chegaban á Cerca da Coelleira as augas para regadío a través da Levada de Pego Negro, que nela remataba.
Non hai certeza sobre a súa orixe aínda que o máis probable é que proceda da segunda metade do século XVI, cando García Sarmiento de Soutomaior constrúe a parte central porticada. Non obstante, no terreo xa lle antecedera outra edificación segundo Lázaro de Losada lle fai saber por carta, en 1605, a Diego Sarmiento de Acuña cando na parte máis alta daquel construían o torreón central de vixilancia, tras decidir o futuro conde aumentar, mellorar e fortificar o pazo unha vez morta a nai no ano 1600. O construtor de todas estas melloras foi o mestre canteiro do Val de Miñor Juan Coello. O conxunto conservado, a cabalo entre unha edificación señorial e unha fortificación militar, ten tres alturas na parte principal e unha configuración en planta en forma de U que coa colaboración dun muro de contención coroado de ameas forma un patio de armas na cara sur. Ante a norte, sometida a notables reformas no XIX, en tempos do X Conde, entre as que se debe citar a gran escaleira pétrea, o corredor sobre columnata, a apertura de portas-ventá con balcón e as galerías porticadas ao patio, situadas a cada lado do corpo central, esténdese un xardín de notable interese. Estas melloras correron a cargo dunha nutrida cuadrilla de canteiros encabezada polo mestre Ventura Cabanelas. A gran masa construída das distintas dependencias do pazo está unida a un muro granítico de dous quilómetros de lonxitude, actualmente en moi mal estado, que, incluíndo diversas portas fortificadas, escudos e garitas de vixilancia, todo construído polo mestre Coello, encerra en dirección sur parte da que foi extensa finca matriz.
Xa existía xardín no mesmo lugar na primeira década do XVII, con fontes e outras pezas monumentais, pero o que agora se ve procede da segunda metade do XIX. Mandouno trazar o X Conde, Gonzalo Fernández de Córdoba Álvarez de las Asturias, o mesmo que acometeu as anteriormente citadas reformas do edificio. Deseñado con clara vocación de lugar de paseo, estrutúrase ao redor dunha senda delimitada por dúas filas de árbores que, alternando tileiros e castiñeiros de indias, arranca na parte baixa, como vindo da desaparecida fonte de Santa Ana, e desemboca nunha magnífica rotonda de magnolios, de 13 m. de diámetro, situada diante do pórtico neoclásico, pola metade da fachada norte. O recinto perdeu a decoración escultórica e a presenza da auga pero mantén a súa misteriosa beleza. Ten moito interese o xogo de luces e sombras que ao final do estío proporciona a súa localización a norte do volume edificado.
Recibe este nome polo reloxo de sol que a coroa. Aínda que a composición é similar á de Pousada esta é de maiores dimensións. O lenzo central, ademais da porta, presenta dúas ventás con parladoiros ao interior e queda encaixado entre senllos cubos circulares rematados tamén en casquete esférico. Cada cubo mantén un escudo de armas. A porta funciona como entrada ao recinto dende o camiño que partindo da Paradela, a través da Ponte das Ánimas, comunicaba coa Estrada Real. Procede da primeira década de 1600 e o construtor foi o mesmo que o do resto das obras desa época: Juan Coello.
Tramo do citado camiño á Paradela. Algúns veciños do lugar refírense a el como Camiño Real, aínda sen selo. É posible que este tramo forme parte do camiño aberto na primeira década do XVII polo primeiro conde.

1 comment

  • jcpenedo Jul 6, 2019

    I have followed this trail  View more

    É unha ruta sencilla para unha lixeira camiñata.

You can or this trail