Time  6 hours 35 minutes

Coordinates 1853

Uploaded August 26, 2015

Recorded May 2015

-
-
7,688 f
5,762 f
0
1.5
3.1
6.11 mi

Viewed 11176 times, downloaded 209 times

near Fuente Dé, Cantabria (España)

Ruta realizada a primeiros de maio, aínda con moita neve, bastante branda agás nalgunha zona sombría pola mañá. Foi a primeira vez que calzamos uns crampóns e, aínda que algún camiñante subía a pelo, agradecemos a seguridade que nos deron en máis dun treito. Haberá que darlle a razón a toda esta xente que defende que os crampóns son compañeiros de viaxe indispensábeis para os camiñantes se hai neve por riba do nivel do bosque (grazas aos foreiros de foropicos que nos aclararon as dúbidas ao respecto).
Así que encargamos o material dende Vigo e leváronnolo ao hostal no que paramos en Ojedo (así dá gusto, grazas á xente de Guiatrek). Collemos o teleférico en Fuente De e, tras atravesarmos unha mesta “nebulosa”, chegamos ao Cable, onde as nubes desapareceron e un ceo azul e limpo nos acompañou todo o día.
Malia estarmos en maio houbo que ir pisando neve practicamente dende os primeiros pasos. O terreo é moi chan até a Horcadina de Covarrobres (1.924 m), paso de montaña no que poderiamos desviarnos cara aos portos de Áliva (co seu hotel refuxio) e, xa que logo, cara ao macizo oriental dos Picos de Europa. O camiño continúa ascendendo moi suave, sempre tendo á nosa esquerda o Jou de Lloroza (cos lagos case conxelados aínda) e con peña Olvidada á dereita, primeiramente, até chegarmos a La Vueltona (1.935 m). A ascensión comeza a coller algo máis de inclinación, pero sen máis dificultade que a da neve excesivamente branda, e vainos acompañando á nosa dereita peña Vieja, á que se accede dende La Canalona (2.158 m), unha canle bastante empinada.
A partir da Canalona a ruta vai achegándose ao paredón da Torre de los Horcados Rojos, que xa era visible practicamente dende o inicio da ruta. Deixamos o cruzamento que se dirixe á Cabaña Verónica e, tras un breve tramo algo máis costento, atravesamos a zona máis sombría e, xa que logo, coa neve máis dura, aínda virxe para nós neste día. A inclinación lateral da ruta fai que agradezamos de verdade os crampóns que xa levamos postos dende pouco antes da Vueltona, nos primeiros pasos con neve dura.
E por fin chegamos á golada ou Collado de los Horcados Rojos (2.338 m). A panorámica é realmente espectacular. Cara ao norte, o circo glaciar do Jou de los Boches, o impresionante pico Urriellu (El Picu, coa denominación para guiris de Naranjo de Bulnes)e o Cantábrico, por suposto (para nós, ese día un mar de nubes). Cara ao leste, impresiona o pico Tesorero, sobre to se hai montañeiros preto do cumio para facernos unha idea da súa grandiosidade. Cara ao sur, nun primeiro termo a cabana Verónica e os Llambrións. E ao noso carón, cara ao oeste, a Torre de los Horcados Rojos.
Tras repor forzas, descendemos da golada e ascendemos en dirección á Cabaña Verónica. Un refuxio realmente singular: a cuberta dun canón procedente dun portaavións americano e que debe o seu nome ao da filla do enxeñeiro que a instalou aquí. O panorama dende aquí tamén é ben fermoso, paga a pena desviarse para disfrutalo.
O descenso resulta realmente divertido: a abundante neve amolecida polo sol convídanos a baixar a grandes alancadas, afundíndonos nunha neve virxe, inventando a ruta soamente guiados pola vista, amodo despois, nos treitos máis próximos ás rochas. Saímos do que sería o camiño habitual de retorno ao Cable para atravesar o Jou de Lloroza, cos lagos aínda conxelados parcialmente e cuns reflexos fermosísimos nas partes da superficie xa líquidas, auténticos espellos nos que se reflicten as montañas.
De volta no Cable, unhas cervexiñas para recuperarmos forzas, gozar dunha vista espléndida coas aguias amenizando o momento, e para Fuente De no teleférico.

Hai fotos tomadas dende Fuente De e dende El Cable tanto pola mañá como á tarde, de aí o contraste entre as imaxes coa néboa matinal e as da tarde soleada.
Waypoint

Fuente De. Teleférico

Fuente De. Teleférico
panorama

El Cable

El Cable
Mountain pass

Horcadina de Covarrobres

Waypoint

La Vueltona

Waypoint

La Canalona

Mountain pass

Collado de los Horcados Rojos

Refuge

Cabaña Verónica

Cabaña Verónica
Lake

Jou de Lloroza

Lagos de Lloroza

Comments

    You can or this trail